Skip to Content

Prevención Familiar en Preescolar na casa

O Servizo de Prevención de Drogodependencias dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade colabora coa Fundación Preescolar na Casa buscando novas estratexias educativas que ofrezan respostas adecuadas ás características e necesidades da sociedade actual en beneficio do desenvolvemento integral dos máis pequenos.
 
Esta charla foi organizada pola orientadora da Fundación Preescolar na Casa, Manuela Inés Novo, para as familias participantes nos Espazos das Familias destes Concellos e impartida por Beatriz Traveso Rodríguez, Responsable do Servizo de Prevención de Drogodependencias dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade.
 
A familia como principal axente socializador dos nenos ten a responsabilidade de construír un ambiente familiar o máis propicio posible para o positivo e integral desenvolvemento dos máis pequenos. A infancia é a etapa da vida onde máis influenza temos na educación dos nenos, base que sustentará a súa personalidade, as súas maneiras de actuar nas relacións sociais, os estudos, a afectividade,… polo que é de especial relevancia que as nais e os pais adquiran habilidades, destrezas e coñecementos que lles axuden a mellorar este difícil traballo que se traduce na educación para a vida. Neste senso, a técnica de prevención de drogas intentará crear un espazo de atención, apoio e asesoramento de cara a recursos, instrumentos e pautas para fomentar unha educación preventiva, é dicir, unha educación responsable, comprometida, reflexiva e consciente. Intentaremos analizala realidade para comprender os factores de risco e aprender así a previlos fomentando os factores de protección.
 
As familias debemos aprender a recoñecer que non existe idade temperá para comezar a previr, senón soamente idade tardía.
 
Estas charlas están enmarcadas dentro das actividades para promover a parentalidade positiva que desenvolve a Fundación Preescolar na Casa, fundación que ten como misión difundir unha cultura da infancia e reforzar as competencias educativas da familia promovendo Espazos Educativos nos que se acompaña á familia na aventura de crecer e no desafío de educar.
 
Datas e horario das charlas:
•    Outeiro de Rei:    luns 21 de novembro de 11:00 a 13:00 h.
•    Rábade:        martes 22 de novembro de 17:00 a 19:00 h.
•    Begonte:        Mércores 23 de novembro de 11:00 a 13:00 h.