A maioría das persoas percibimos as vacacións como un tempo de ocio para nós, para desconectar da rutina e aproveitar o tempo libre. Ás veces, esta desconexión coa rutina leva consigo unha certa inconsciencia por parte dalgúns viaxeiros que os pode conducir a situacións nada desexables.
Pese a que o problema de detencións asociadas ao consumo ou tráfico de drogas no estranxeiro parece bastante irreal, actualmente hai 2.371 españois detidos en cárceres estranxeiras dos que o 81%, 1.921 persoas, o están por consumo ou tráfico de drogas. Aínda que pareza lonxano e difícil as cifras recollidas da Fundación Ramón Rubial, dan medo.
A maior parte dos detidos por delitos relacionados coas drogas non eran conscientes das consecuencias dos seus actos. De feito, como afirma Carmen Moya, un dos obxectivos do PNSD é acabar co falso mito da tolerancia de certos países ante o consumo de drogas ou do fácil que é traficar a pequena escala nalgúns países.
Os problemas de turistas españois confiados adoitan xurdir cando equiparamos a lexislación española ao país estranxeiro ao que viaxamos, xa que cada país ten a súa propia normativa territorial sobre tenencia, consumo e tráfico de drogas e, en moitos países, non existe diferenza entre o consumo e o tráfico de drogas.
O Ministerio de Justicia advirte sobre a dureza das leis nalgúns países que, incluso, poden chegar a pena de morte ou a cadea perpetua.
Pese ás campañas informativas realizadas dende o ano 2000 para informar sobre as consecuencias da tenencia, consumo e tráfico de drogas no estranxeiro, a tendencia das detencións vai en aumento, esta é a evolución das detencións de españois no estranxeiro:
ANO | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 |
Nº DETIDOS | 1.549 | 1.908 | 2.106 | 2.339 | 2.371 |
% DETIDOS POR DROGAS | 76 % | 77 % | 80 % | 79 % | 81 % |
Nº DETIDOS POR DROGAS | 1.177 | 1.469 | 1.685 | 1.848 | 1.921 |
Fonte de información: Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación. Datos a 31 de marzo de 2011
Os 10 países con maior número de españois detidos por drogas son:
PAÍS | Nº PERSOAS DETIDAS | PENAS |
PERÚ | 272 | Penas de prisión de ata 25 anos e incluso cadea perpétua |
MARROCOS | 230 | Penas de 5 a 30 anos de prisión ademais de importantes multas |
FRANCIA | 202 | Ademais de elevadas multas, as penas de privación de liberdade van dende os 10 anos ata a cadea perpétua. |
BRASIL | 196 | Penas de prisión por tráfico de 3 a 15 anos. De tratarse de tráfico internacional podería incrementarse ata 25 anos. * Está penado o consumo e o tráfico, con imprecisa distinción entre un e outro. |
PORTUGAL | 190 | Penas de ata 15 anos de prisión |
ITALIA | 149 | As penas previstas van dende un mínimo de 8 anos, ata un máximo de 30 e fortes multas. |
COLOMBIA | 148 | Penas de prisión de 3 a 20 anos, e fortes multas. * Especial atención coa burundanga. |
ARXENTINA | 109 | Penas de prisión son de 1 a 6 anos para a tenencia e de 4 a 16 anos para tráfico e contrabando. |
ALEMAÑA | 98 | A tenencia está castigada con penas de prisión de 2 a 15 anos. |
ECUADOR | 97 | A lexislación é moi estricta e as condeas moi severas. * Os centros penitenciarios presentan importantes deficiencias debido ao hacinamento e escasos recursos. |
CANDO VIAXES AO EXTRANXEIRO... RECORDA
- As leis por tenencia, consumo e tráfico de drogas son de aplicación territorial, polo que son de obrigatorio cumprimento independentemente do lugar de procedencia das persoas.
- En caso de detención no estranxeiro ninguén, tampouco a Embaixada nin o Consulado de España no país en que suceda, poderá subtraer ao detido da aplicación da Lei Penal estranxeira.
- As garantías procesais no estranxeiro non sempre son equiparables as existentes en España o que, unido ás dificultades para entendelo idioma, pode producir sensación de indefensión, sen que por elo supoña algunha violación da Lexislación local á que o detido está suxeito.
CONSELLOS...
- Non te deixes enganar por falsas informacións que non son máis que mitos. Infórmate da realidade lexislativa en materia de drogas do país que vas visitar.
- Non aceptes realizar transportes de maletas ou paquetes ao estranxeiro.
- Unha vez no estranxeiro ten presente que en ocasións son os propios vendedores de drogas os que denuncian ao comprador.
- En caso de detención comunícate o antes posible co Consulado de España ou con calquera país da Unión Europea.
- Se estás detido no estranxeiro podes solicitar que che faciliten o contacto coa Embaixada ou Consulado de España correspondente.
- En todo caso, recorda que a axuda e orientación non poden, en ningún caso, consistir na interrupción ou alteración do curso normal da xustiza do país no que se atope.
- Contacta coa Fundación Ramón Rubial-Españoles en el Mundo, unha entidade que da resposta á crecente demanda de asistencia a españois en prisións estranxeiras.