Os horarios constitúen unha fonte de conflicto familiar constante na que adultos e menores habitualmente manteñen posturas contrarias cunha resolución dificilmente satisfactoria para ambos.
Os tempos dos adultos e da mocidade responde a necesidades, intereses e circunstancias ben diferenciadas. Cada realidade pertence a un tempo e a un lugar determinado, pero tamén a unhas características persoais concretas nas que a idade ten unha influenza determinante, por iso ás veces as posturas dos pais e nais (voces da experiencia) difiren tanto das posturas adolescentes (cantigas da inexperiencia). Aínda que chegar a un consenso satisfactorio para ambas xeracións adoita levar consigo moito traballo ademais de ser precedido dun conflicto, o estilo educativo que mantiveramos previamente durante a infancia determinará en gran medida os camiños que levará a negociación baixo criterios de respecto, responsabilidade e empatía sobre o horario a seguir.
O horario é unha das pautas educativas que axudarán aos menores a interiorizar a responsabilidade en relación á progresiva adquisición de liberdades e á consolidación da súa autonomía. Nun principio o horario vincúlase aos nosos ritmos vitais (fame, sono...) e sociais (escola, traballo, saídas...). Establecer pautas ao respecto concíbese pedagoxicamente como unha necesidade que contribúe á mellora da autonomía e autocontrol dos menores así como á organización familiar. Neste senso, os horarios deben atinxir non só a hora de regreso a casa un día de festa, senón que a educación na organización e respecto do horario pode e debe comezar na infancia mediante a hora de levantarse e deitarse, o tempo que se lle dedica diariamente ao ordenador ou á televisión, o tempo de tarefas domésticas, escolares ou xogo, etc. Respectar un horario, por moito que se diga o contrario, é razoable para a maior parte da mocidade, xa que entenden á perfección que é preciso dedicar un tempo para o estudo, outro para o ocio, outro para a familia...
Habitualmente o tema “horarios” aparece na pre-adolescencia (11 anos), cando os rapaces comezan a demandar o seu desexo de saír a dar un paseo, ir ao cine, etc. cos seus amigos con independencia dos adultos. Aínda así, nesta etapa os horarios están moi regularizados pola escola, as actividades extraescolares, as tarefas académicas e as actividades familiares. É a partires dos 13 aos 15 anos cando se manifesta a necesidade do adolescente de dispoñer de tempos e espazos con independencia da familia. Este feito débese entender como natural, pero non se debe confundir a progresiva adquisición de liberdade unida intrinsecamente á responsabilidade, coa independencia adquirida por idade e dereito.
Cada vez son máis as familias que estiman oportuno reflexionar sobre os horarios como ferramenta pedagóxica, anticipándose aos problemas e conflictos habituais e intentando que os fillos e fillais saían fortalecidos do “conflicto horario”. Pero aínda quedan algunhas que perden coidado de situacións que poden chegar a ser problemáticas, neste caso o horario, deixando que a permisividade actúe como educadora dos menores e, sen embargo, cargan de disciplina outros eidos da vida máis intranscendentes.
Negociar un horario permitiranos poñer sobre a mesa as diferentes posicións e razoamentos para tomar unha decisión o máis satisfactoria posible. Nesta negociación os límites fíxanos os adultos (previamente consensuados entre a parella), e as consecuencias do incumprimento serán razoados, fixados e coñecidos por todos.
Na medida en que van experimentando saídas e respectando a hora de regreso á casa acordado, a confianza vai en aumento tanto dos adultos cara os menores como dos menores cara os adultos; así mellórase o vínculo afectivo e o positivo clima da relación familiar. Nalgunhas ocasións os rapaces desafiarán os límites establecidos, nestas ocasións é imprescindible que se encontren cunha resposta firme, clara e previamente coñecida, pois as consecuencias do incumprimento de normas e límites deben ser abordadas no proceso de negociación dos horarios.
A rigorosidade ou flexibilidade no respecto aos horarios resulta funcional se posúe un sentido persoal ou familiar: volve as 21:30 e punto non hai máis que falar, non é o mesmo que dicir volve ás 21:30, xa sabes que nos gusta cear xuntos. O primeiro diálogo resulta imperativo e ausente de razoamentos, sen embargo o segundo reflicte un sentido máis asertivo e cargado de motivacións que invitan ao compromiso.
Entrando xa na hora que debemos fixar para a volta a casa dos rapaces, debemos ter en conta varios rasgos en función da idade, das características persoais, da madurez, das características do entorno, etc. pero nunca en función do xénero xa que tanto mulleres como homes asumimos riscos en diferentes espazos e isto non debe ser motivación para a distinción de normas entre sexos:
- Se o noso fillo ou filla ten entre 12 e 15 anos, o coidado recae explicitamente nos pais. A esa idade carecen dun satisfactorio autocoidado, polo que os permisos deben ser controlados. Non debemos outorgar aos rapaces máis madurez da que realmente teñen (non por ir ao instituto, por manter conversas máis maduras ou por empezar a desenrolarse fisicamente son maiores).
- Se o noso fillo ou filla ten entre 16 e 17 anos e por norma xeral, podemos asumir por norma xeral que ten desenvoltos certos criterios de autocoidado, responsabilidade e respecto, polo que poderemos ofrecerlle posibilidades fortaleza estas capacidades. Débese ter en conta que o feito de que os rapaces demanden independencia non quere dicir que carezan de un certo control parental.
- A partir dos 18 anos a mocidade asúmese como adulto, pero non o é. Como pais e nais debemos continuar vixiantes ante posibles problemáticas e non debemos obviar a preocupación por eles nunha idade tan crítica. Os límites deben ir acordes coa súa idade, madurez, responsabilidade e respecto, non se poden deixar supeditados exclusivamente á idade.
A hora para o regreso a casa debe responder a eses obxectivos que nós marcamos para conseguir alcanzar durante o desenvolvemento dos rapaces. Por exemplo, se o meu fillo de 15 anos quere saír un sábado cós seus amigos pola noite e pídenos máis hora xa que “A Juan déixanlle ata as 3 da mañá”, nós antes de contestar deberemos reflexionar sobre as características ambientais que hai ás 3 da mañá. Non temos por que desconfiar del, pero tampouco lle debemos facilitar oportunidades de relación cun medio pouco apropiado co que aínda non debe interactuar. Á 1, 2, 3 da mañá ¿que oportunidades de ocio hai? ¿Que posibilidades ten? ¿Que lóxica ten? A medida que contestemos a estas cuestións e a outras que nos irán xurdindo, poderemos adecuar de mellor forma os horarios á idade dos nosos fillos e fillas.
É importante saber con quen saen e a onde van, preguntar por interese e preocupación e non por cotillear, poñerlles límites e facerllos cumprir, darlles pouco a pouco independencia a medida que demostren responsabilidade para tela. Cando pais e nais fomentamos unha autonomía progresiva suxeita a criterios flexibles e adecuados a cada persoa, estamos contribuíndo ao desenvolvemento da responsabilidade, a capacidade organizativa, a empatía, o autocoidado, etc. Todas elas habilidades necesarias para a vida adulta.