Skip to Content

Drogas con nome de muller

Mujer y DrogasAta fai pouco tempo estudos realizados en relación ao consumo de drogas confirmaron a crenza popular de que os maiores consumidores de substancias adictivas eran os homes, sen embargo recentemente as enquisas reflicten un aumento destacable de uso, abuso e desenvolvemento de dependencias entre as mulleres, de xeito especial adolescentes e adultas mozas. A crenza popularmente tradicional dista da realidade dos consumos debido a escasa relación que existe entre o consumo de drogas nas mulleres e os estereotipos socioculturais de xénero predeterminados polas nosas costumes, relacións, roles... de feito, a muller adicta é xulgada dende o espazo público e privado. A escasa comprensión e atención que reciben as mulleres adictas no eido familiar e comunitario fronte a unha máis que probable estigmatización, fomentan o illamento e a ocultación da problemática.

 

Mujer y DrogasResultados dos estudos dos últimos anos do Plan Nacional Sobre Drogas determinan unha tendencia crecente de cara ao consumo de tabaco, alcohol, cannabis, drogas de síntese e cocaína nas mulleres de 15 a 19 anos, mentres que nos homes a tendencia estabilízase ou decrece. Mención aparte merecen os psicofármacos, droga claramente feminizada con especial incidencia no seu consumo a partir dos 55 anos. Os tranquilizantes son drogas de inicio tardío pero segundo o estudo “O consumo de drogas en Galicia VIII” realizado no ano 2006, o 80,2% das mulleres galegas de 26 anos xa consumiron tranquilizantes ao longo da súa vida, dato destacable pois demostra o preocupante incremento do uso de tranquilizantes na poboación infanto-xuvenil.

Homes e mulleres non temos unha realidade biolóxica idéntica, polo que resulta lóxico afirmar que no eido do desenvolvemento das drogodependencias a sensibilidade biolóxica que afecta a cada sexo é diferente. Numerosos estudos conclúen que as mulleres posúen unhas características biometabólicas que as fan máis vulnerables ante as drogodependencias, chegando a desenvolver con maior velocidade a adicción a determinadas substancias e precisando diferentes tratamentos que os homes.

 

Mujer y DrogasNo desenvolvemento e mantemento de procesos adictivos establécense unhas variables que predisporán aos consumidores a superar ou consolidar a súa problemática coas drogas: a vulnerabilidade biolóxica (cunha maior sensibilidade no caso da mulleres), as redes sociofamiliares (relacións de protección ou desprotección, violencia intrafamiliar...), a vulnerabilidade psicosocial (parella consumidora, traumas provocados por abusos sexuais, malos tratos, disfuncións sexuais...), a aceptabilidade social (situación laboral, sobrecarga doméstica, escasas relacións sociais, soidade,...) e as particularidades psicolóxicas (depresión, tentativas de suicidio, ansiedade, angustia, frustración...). En relación con isto cabe destacar que a realidade de numerosas mulleres consumidoras de drogas presenta unha historia de vida cargada de problemas psicosociais e familiares. Particularmente, no caso do consumo de psicofármacos (con ou sen receita médica), vincúlase fortemente coa necesidade de evasión de situacións de tensión, angustia, soidade, estrés, nervios...