Dende os mesmos principios da civilización, o consumo de substancias psicoactivas estivo ligado a tres motivacións esenciais: por unha banda o desexo do ser humano de modificar o seu nivel de conciencia, o seu estado de ánimo obtendo efectos euforizantes e/ou psicodélicos, por outra banda e relacionada coa anterior, a utilización destes efectos en rituais relixiosos e/ou máxicos, e pola outra á utilización destas substancias no ámbito da medicina como medio para minorar o sufrimento ou chegar á curación.
Ao longo da historia tódalas culturas primitivas empregaron substancias psicoactivas, unhas veces con fins relixiosos e outras con fins curativos. O sentido espiritual do seu uso estaba restrinxido a cerimonias de tipo ritual e/ou relixioso, polo que existía unha clara delimitación da funcionalidade do consumo. No eido científico, as investigacións estaban motivadas por razóns puramente medicinais, polo que a súa utilización tamén estaba restrinxida a unha función concreta.
No século XIX comezaron a aparecer novas substancias creadas a partires do opio, coca ou café entre outras que se sintetizaron na morfina, codeína, atropina, cafeína, cocaína, heroína, mezcalina e outros barbitúricos. Este tipo de substancias naceron con finalidades puramente médicas; as súas virtudes no ámbito sanitario restaban peso a súa posible capacidade adictiva e demais consecuencias negativas. Durante o século XIX e principios do XX, deformouse o sentido do uso destas substancias provocando a súa masificación. O uso de drogas foi social e culturalmente lexitimado e normalizado, de forma que se popularizou a súa distribución e venda en farmacias, droguerías, herboristerías, comercios de especias e ultramarinos ata xa entrados no século XX.
Estas substancias destinadas a un suposto uso farmacoterapéutico, máis adiante pasaron a utilizarse abertamente en contextos recreativos. A súa distribución foi libre ata que as consecuencias orgánicas do seu consumo se fixeron máis visibles (saúde física e mental) e notables para a sociedade, feito que propiciou a promulgación de lexislacións específicas que controlaran o seu consumo.
Aproximadamente a mediados do século XX conceptualizouse a problemática baixo os termos de adicción, dependencia e tolerancia, o que sanitaria, cultural e socialmente contribuíu a apoiar a lexislación en materia de drogas e a crear un sistema de asistencia para aquelas persoas que padecesen problemáticas asociadas ao seu consumo.
A historia convida á reflexión a cal, e a reflexión á súa vez resulta imprescindible para comprender a realidade actual das drogodependencias, xa que a nosa historia e o noso acervo cultural posúen as chaves que hoxe nos definen como sociedade e dos estereotipos que caracterizan o noso imaxinario colectivo entorno as drogas (Carmen Moya, “Historia de las adiccións en la España contemporánea”, PNSD, 2008).
Existen multitude de evidencias que permiten confirmar que as distintas sociedades utilizaron multitude de tipos de drogas con motivacións moi heteroxéneas. O uso de drogas é unha práctica universal que pode estar vinculada e xustificada por motivacións contextualizadas na vida das diferentes comunidades que compuxeron e compoñen a historia da humanidade.
Na actualidade a diferenza fundamental, como sinala Edwars e Arif (1981), radica na funcionalidade que se lle outorga ao consumo, é dicir, o modelo de consumo establecido:
- Modelo de consumo de drogas tradicional
- Modelo Consumista, protagonista da epidemia actual.
Como sinala Salazar, I. e Rodríguez A. (1994), os problemas derivados do consumo de drogas aparecen ligados a algúns dos seguintes factores:
- A introducción de innovacións e modas doutras sociedades que chegan a unha comunidade na que orixinan problemas estructurais.
- A prohibición do uso dunha determinada droga leva á substitución desta por outra de efectos similares ou maiores. Por exemplo, en Irlanda a partir do ano 1850 o clero condena o consumo de whisky, polo que se popularizou o consumo de éter.
- Descubrimentos científicos que posibilitan un cambio de actitude e apoio social cara determinadas drogas coa crenza de que poden resolver algunha problemática concreta.
- Os intereses económicos dominantes en cada momento se sobrepoñen aos intereses sociais da maioría. Poderiamos situar nesta razón ás Guerras do Opio en China as cales xorden pola confrontación de intereses entre a necesidade de erradicar o consumo de opio por parte da sociedade chinesa e os intereses comerciais dos países europeos como provedores de opio cultivado nas súas colonias. O resultado foi a legalización do comercio do opio e o agravamento da problemática chinesa.
- En toda a nosa historia, as guerras son un consolidado escenario para o cultivo de adiccións e ensaios científicos que propiciaron a dependencia a substancias dos combatentes. Exemplos disto son os pilotos xaponeses que consumían anfetaminas para estimular a súa atención. Ou a metadona, sintetizada en Alemaña na II Guerra Mundial para suplir a falta de morfina nos campos de batalla, pasando a utilizarse posteriormente en EEUU como substancia terapéutica de substitución.
- O uso inadecuado de certos fármacos (hipnóticos e tranquilizantes), co propósito de calmar e resolver tensións e presións provocadas polo estilo de vida que levamos na actualidade. Esta tipoloxía de drogas salvagardadas por un manto de legalidade, están a producir serios problemas persoais e sociais.