A adolescencia é un período de turbulencias, con cambios físicos e psíquicos, que xera grandes desconcertos nos rapaces e rapazas e nos pais. Unha das principais características desta etapa é discutir e cuestionar a autoridade confundindo a liberdade coa independencia. Lonxe de ser raro é normal e, na súa xusta medida, desexable pois este cuestionamento axuda aos rapaces a desenvolver habilidades de razoamento, toma de decisións, tolerancia á frustración, capacidade de negociación, etc.
Aínda que durante a infancia os pais tratamos de inculcar aos fillos e fillas unha serie de normas familiares, sociais e morais que nos facilitarán a convivencia, cando a mocidade alcanza a adolescencia esta tarefa educativa faise costa arriba xa que a rebeldía como parte da construción da identidade dos rapaces leva inevitablemente a cuestionar por sistema os límites e as normas establecidas na familia. Este feito non significa, como normalmente se pensa, que os fillos e as fillas non acepten as normas, nin tampouco que as rexeiten. A realidade é que a ausencia de normas e límites claros e esixidos a estas idades ten como resultado o desenvolvemento de infancias e adolescencia problemáticas.
Entón ¿que facemos? O máis importante é non ter medo a esixir e a exercer a autoridade na familia, sempre dende o respecto e o cariño. Os pais e as nais como adultos deben ser capaces de razoar e transmitir ao fillos o motivo de que exista unha norma ou un límite e a necesidade de que sexa respectada.
Que as familias posúan un sistema de normas e límites non significa que sexa unha familia autoritaria que basea a educación na disciplina, non debemos confundir este tipo de situacións pois os rapaces adoitan utilizala para eximir o seu cumprimento.
As normas son necesarias en tódalas sociedades, en consecuencia serán necesarias en tódalas familias. Este sistema de normas non debe ser ríxido pois entón si se entendería como autoritario, debe ser flexible, coñecido, viable, razoado, negociado, respectado por toda a familia. De carecer dalgunha destas características é probable que non se cumpra debidamente.
Unha afirmación real dun rapaz de 14 anos foi “Se meus pais non me rifan por chegar a casa algo borracho, será que non lles importa, ¿non?” . Nestas verbas obsérvase a un de moitos rapaces que carecen de normas e límites reais que modulen a súa conducta, non son máis felices que o resto senón que adoitan ser rapaces máis inseguros.
Os pais e as nais sentímonos confusos e desorientados cando temos que decidir entre poñer unhas normas e límites claros ou en poñer unhas regras xerais máis transixentes. O resultado desta dúbida normalmente tradúcese nun comportamento contradictorio. Algúns dos motivos que as familias manteñen neste comportamento contradictorio é:
- Asústanos defraudar aos nosos fillos.
- Eles xa saben o que teñen que facer.
- Non queremos ou non sabemos dicir “non”
- Non queremos frustralos... “xa sufrirán cando sexan maiores”.
- Preocúpanos nons ser pais “guays” ou “amigos”, que nos tachen de autoritarios.
- Compensamos a falta de tempo e adicación a eles cunha actitude indulxente, “para dúas horas que o vexo ao día mellor non rifar con él”.
- Temos medo a crear conflicto e a malas caras. As veces preferimos evitar pequenas rifas para evitar atoparnos sen querer con problemas más fondos.
- Parécenos que actuamos con egoísmo se impoñemos normas que nos faciliten a vida.
CONSELLOS PARA ESTABLECER LÍMITES E NORMAS
- As normas deben ser razoadas, negociadas, coherentes e non excesivas.
- As normas establecidas no fogar deben ser cumpridas, senón terán consecuencias.
- As normas, os límites, os castigos... deben adecuarse a cada persoa, é dicir, atender ás características propias de cada fillo ou filla (idade, grao de responsabilidade, nivel de autonomía, etc.)
- O castigo debe ser negociado, coherente, sempre respectado, coñecido e acorde coa idade.
- A comunicación debe ser clara e á cara, sen dar lugar a dobres interpretacións. Hai que transmitir mensaxes comprensibles, razoables e serenos.
- Nunca debemos educar eficazmente facendo o contrario do que promulgamos.
- A educación non é cousa dun día, non se pode pretender carecer de límites durante a infancia e facer cumprir as normas na adolescencia. O traballo de ser pais é continuo.
- Os problemas e discusións deben resolverse mediante un diálogo no que o adulto saiba impoñer o respecto mútuo, a tranquilidade e os argumentos razoables. Débese ter presente que a diversidade de opinións debe ser respectada.
- Non se debe consetir e premiar aos fillos por todo. Os privilexios e os premios deben ser consecuencia do esforzo, a participación, a reflexión e a responsabilidade.
- Existen dereitos, pero tamén deberes. Hay que ter en conta que aprobar, chegar con puntualidade e correctamente, etc. é o deber dos rapaces.
- Educar na responsabilidade delegando. Responsabilidade básicas no ámbito doméstico fomentan a educación en valores cívicos dos nosos fillos.