Os premios e castigos constitúen un recurso parental de carácter educativo sempre e cando sexan utilizados dunha forma compensada, funcional, adecuada á idade e características dos fillos e fillas cunha finalidade educativa e nunca vengativa no caso dos castigos ou compensatoria por frustracións parentais no caso dos premios (ex: voulle comprar o videoxogo que saíu esta semana, espero que así me perdone que non fora a velo ao partido). Por elo débese ter calma e sosego á hora de aplicar premios e castigos xa que poden actuar como facilitadores e potenciadores das relacións familiares ou como barreiras de cara ás relacións entre pais e fillos.
No eido dos premios é fundamental non esquecer que non se poden utilizar como chantaxes nin tampouco como compensacións por cumprir con obrigas e responsabilidades. Os premios deben dosificarse, pois senón perden o seu sentido e motivación. Debemos partir de que os premios non só se reducen ao valor material, serán máis importantes aqueles que nos permiten transmitir un valor sentimental, educativo, socializador, de ocio, fortalecemento da relación familiar... (ex: unha actividade alternativa de ocio en familia).
Pola súa parte, os castigos tamén poden actuar como un forte educador sempre que se respecten os seguintes criterios:
- Os castigos deben adecuarse á idade e características dos destinatarios, deben ser proporcionais, a súa finalidade será clara, deben ser consecuencias de faltas e non de erros e, na medida do posible, teñen que gardar relación có motivo da súa imposición.
- É recomendable que tanto o castigo como o motivo do mesmo sexan previamente coñecidos, é dicir, as normas e límites a nivel familiar deben ser coñecidos por tódolos membros da familia ao igual que as súas consecuencias, deste xeito conseguiremos reducir a vulneración das normas e prever as consecuencias da mesma.
- Os castigos non deben ser impostos en “quente”, pois en vez de dotalo dun valor fundamentalmente educador é probable que decidamos impoñer un castigo cunha forma superficial educativa pero cun fondo real vengativo. Así pois, debemos esperar, tomar aire, relaxarnos e tomar unha decisión axeitada en base á analise racional das circunstancias, motivos e impulsos que levaron aos rapaces a manter esa conducta obxecto de castigo.
- Os castigos teñen que cumplirse, xa que no caso de non facelo estaremos transmitindo valores negativos xa que as malas accións non teñen consecuencias. Aqueles non deben ser demasiado prolongados pois isto evitará o seu cumprimento completo.
- Os castigos nunca deben supoñer unha negación do afecto, pois este é un valor propio da relación familiar que nunca debe ser posto en cuestión. Debemos evitar transmitir sentimentos que os rapaces podan interpretar de diminución no afecto; estar enfadados non significa querer menos.
- Non confundir as faltas de respecto coas discusións. Mentres que nunca se deben tolerar as faltas de respecto de cara aos membros da familia, estas non deben ser confundidas con aqueles comportamentos propios dos rapaces, especialmente na adolescencia, nas que buscan resolver dúbidas ou confrontar pensamentos que veñen dados dende as diferencias entre a perspectiva da experiencia (pais) e a da inexperiencia (fillos). En ocasións as discusións son necesarias para contribuír á fomación integral da personalidade dos rapaces, o que debemos de ter en conta como adultos e a forma que deben tomar esas conversacións (ton, expresións, respecto, acaloramento moderado...). A través destes debates estaremos educando aos rapaces en técnicas comunicativas. Debemos ter en conta que se os nosos fillos non poden discutir por medo as consecuencias, acabaran por refuxiarse no silencio e resentimento por coartar a liberdade de expresión e a confianza familiar. Deben expresarse e nós debemos ensinarlles a como expresar sen faltar.