O consumo de drogas é considerado como unha das problemáticas sociosanitarias máis ameazantes e poderosas que afecta ós cidadáns a nivel mundial. Neste senso, estudios realizados dende o Plan Nacional sobre Drogas constatan realidades pouco favorecedoras: as idades de inicio no consumo de drogas son cada vez máis temperás, a percepción de risco fronte o seu consumo preséntase cada vez menor e a de dispoñibilidade aumenta. Así, o Servizo de Prevención de Drogodependencias de carácter de agrupación dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte, constituíndose o primeiro deles como sede, confórmase como un recurso dirixido a desenvolver actuacións encamiñadas a catro obxectivos xerais:
- Informar e sensibilizar aos cidadáns en materia de drogodependencias.
- Atrasar a idade de inicio no consumo de drogas.
- Educar en estilos de vida saudables, constructivos e críticos.
- Fomentar a colaboración entre o Servizo de Prevención de Drogas e a comunidade dos tres concellos.
A sociedade na que vivimos comprende un complexo sistema de variables persoais, familiares, sociais, culturais, económicos... que crean unha realidade única obxecto de influencias positivas e negativas que nos son dadas a través da socialización. A labor a desenvolver polo Servizo de Prevención de Drogodependencias diríxese aos diferentes ámbitos presentes nesta realidade (educativo, familiar, comunitario, sanitario, asociativo e laboral) baixo actuacións especializadas orientadas aos diferentes niveis de prevención: universal, selectiva e indicada.
O programa tenta establecer, mediante actuacións sistemáticas, unha rede sólida e interrelacionada coas diferentes iniciativas promovidas dende outros servizos e entidades dos tres concellos. As liñas de actuación promoverán a consolidación dun vínculo de colaboración profesional entre os centros escolares e o propio Servizo a fin de integrar a prevención de drogas no contexto educativo. Tamén se fará fincapé na promoción de redes coas familias, sendo estas un dos piares fundamentais na conformación da personalidade dos menores. Por outra banda, tamén se incidirá no medio comunitario a través de actuacións sistemáticas, transversais e continuas que tentarán acercar a tódolos cidadáns coñecementos e habilidades para a prevención das drogodependencias.