Skip to Content

Educar no lecer

A sociedade na que vivimos difire en gran medida das sociedades de tempos pasados en moitos sentidos, sendo un dos máis importantes e que máis nos afecta o factor tempo. Actualmente o tempo vívese doutro modo, adquire outro valor e connotacións, é dicir, o seu significado ten unha interpretación diferente.

 

O tempo para os papás e mamás

 

O normal é que os adultos vivamos nun constante contrarreloxo, especialmente os pais e nais. As tarefas domésticas, as esixencias sociais, as responsabilidades laborais, a mellora formativa, o coidado de familiares dependentes, o seguimento da actividade académica, unido á gratificante e pesada tarefa de ser nai ou pai, acaban demandando que nos convertamos nunha xeración de supermamás e superpapás.

 

O tempo para os nenos e as nenas

 

Esta nova percepción establecida no mundo adulto de cara ao tempo (en xeral) transmítese a fillos e fillas na convivencia diaria, pois esta sensación de estres continuo adoita ser un rasgo intrínseco desta sociedade do inmediato que nos prepara para aprender a vivir nela seguindo as súas regras. Así é que moitas veces os rapaces vense cargados de actividades cotiás que saturan o seu día a día e non lles deixa dispoñer dunha pequena parcela onde decidir por eles mesmos como aproveitar un tempo de ocio propio. Estes rapaces poden ter copado todo o día con actividades académicas e extraescolares (sen que ningunha delas teña por que considerarse actividade de ocio) que quizais poidan xerar estres.

 

As familias de hoxe enfrontámonos a esta grave problemática que leva como protagonista un desfase temporal: por unha banda os adultos cada vez temos ocupado máis tempo no ámbito laboral e destinamos outra gran parte (en especial as nais) ás responsabilidades domésticas, quedándonos cada vez menos tempo para destinar unicamente á exercer de pais e nais compartindo tempo cós menores. Por outra banda, os rapaces e rapazas cada vez teñen máis tempo libre despois da xornada escolar que se ve cuberta por gran variedade de actividades extraescolares. Ambas realidades converxen nunha difícil cuestión ¿como desfrutar dun tempo de ocio familiar activo, enriquecedor e de calidade? E, é máis ¿como educar aos menores no ocio se nos mesmos carecemos del?

 

En primeiro lugar non nos debemos castigar por carecer de máis tempo libre tralo traballo, pero si debemos facer unha dura reflexión sobre como destinar tempo de calidade aos rapaces, un tempo que ben aproveitado conta máis que tardes enteiras baleiras de momentos compartidos. Debemos procurar crear espazos nos que divertirnos cos nosos fillos, nos que poidamos relaxarnos, falar e rir facendo actividades no tempo libre que fortalezan o vínculo afectivo, que nos axuden a coñecer novas formas de ocio, novos intereses, inquedanzas, expectativas, pensamentos.... dos rapaces e de nós mesmos. O feito de compartir experiencias máis alá do cotián favorece o coñecemento mutuo, fomentando a cohesión familiar e o desenvolvemento persoal, son tempos enriquecedores para tódolos membros da familia, non só para os pequenos.

 

Ademais, os pais como principais axentes educativos dos fillos, debemos ter presente que o modelo de ocio que transmitamos aos pequenos influirá nos hábitos, valores, percepcións e incluso expectativas futuras dos rapaces. Neste senso debemos preguntarnos ¿que modelo de ocio lle estou transmitindo? Por exemplo, se cada día os pequenos nos ven sentados no sofá, vendo a televisión ou saíndo de viños como única forma de pasalo tempo libre ¿que estamos transmitindo? O que se pretende neste senso non é que deixemos de saír de viños cos amigos os fins de semana, senon que deberiamos abrir o abano de posibilidades de ocio máis alá dun ocio consumista e/ou pasivo.

 

Tamén é verdade que algunhas persoas cando se converten en nais ou pais interiorizan a idea de renunciar as súas vidas para vivir para e por os seus fillos. Esta é unha idea falsa que prexudica tanto aos adultos como aos menores. Nunca debemos renunciar a desfrutar dun tempo de ocio para nós, de facelo estariamos negando unha parte importante que define a nosa personalidade. Tamén debemos considerar que os rapaces precisan tempo cós amigos, de non telo non desenvolverán debidamente as súas habilidades relacionais, toma de decisión, reacción á presión de grupo.... Non dar unha marxe de liberdade a un ou a outro resulta prexudicial para ambos.

 

Por outra banda, debemos ter en conta que o ocio socioeducativo destinado aos rapaces tamén se constitúe como un elemento interesante que aproveitar no eido da conciliación familiar (para aqueles pais e nais que necesitan dispoñer de tempo para si mesmos ou para cubrir tempos perdidos dos rapaces), sempre tendo presente a premisa de que o aumento de actividades de tempo libre nunca xustifica o descenso de tempo en familia, senón que complementa.

 

Para facer unha elección axeitada e beneficiosa para o ocio dos rapaces e rapazas debemos considerar 3 aspectos básicos:

  • A súa opinión.
  • Coñecer as súas capacidades e preferencias.
  • Adecuar as actividades extraescolares ao seu rendemento académico, pois unha saturación destas pode supoñer estres.

 

Unha característica propia e imprescindible para considerar unha actividade como actividade de ocio é o seu carácter lúdico, voluntario e autotélico (que supoñan un disfrute en si mesmo) estas características implican de por si un desenvolvemento e enriquecemento persoal para os rapaces usuarios das actividades. Por elo, cada vez máis pais e nais toman a opción de que os seus fillos e fillas ocupen boa parte do tempo libre en asociacións de ocio onde se da prioridade a adquisición de valores, habilidades relacionais ou actitudes reflexivas en vez de formación.

 

Neste senso hai que subliñar un problema habitual no ocio dos máis pequenos promovido dende as figuras paternas, aquelo coñecido como “o fillo como prolongación dos pais”. Pese a soar cómico, esta especie de complexo existe, refírese a aquelas expectativas ou ilusións respecto a adquisición de coñecementos ou destrezas (informática, piano, ximnasia rítmica...) que os pais e nais xeran coa mellor intención nos fillos quen, pese a non ser do seu gusto, acaban por acceder a elas por resignación ou por non decepcionar despois da manipulación (consciente ou inconsciente) exercida polos pais,. Debemos ter coidado de non manipular os desexos dos pequenos a favor daquelo que nos gustaría facer a nós, debemos orientar non dirixir. É probable que os rapaces teñan gustos, inquedanzas ou incluso expectativas semellantes ás nosas (normal pois somos os principais axentes socializadores na infancia exercemos o denominado modelado), pero isto non significa que non poidan ter outras preferencias.

 

Temos que ter en conta que este tipo de iniciativas de ocio alternativo en familia e de rutinas familiares deben ser iniciadas na infancia dos fillos e fillas porque serán interiorizadas como parte da realidade familiar e non como algo imposto ou como remendo a un distanciamento entre pais e fillos habitual na adolescencia. Así e todo, a organización do tempo libre non debe ignorala necesidade de que os rapaces dispoñan de tempo libre para decidir autonomamente como dispoñer del.

 

Consellos

  • Debemos reservar un tempo de ocio compartido por pais e fillos.
  • As actividades extraescolares nunca poden substituír o tempo en familia, o xogo ou outras responsabilidades.
  • As actividades de tempo libre débense adecuar ao rendemento académico para evitar unha saturación que provoque estres.
  • A elección das actividades debe fundamentarse nos intereses dos rapaces, non nos nosos.
  • Procurar conceder liberdade de elección de alternativas de ocio que fomenten a súa autonomía e madurez.
  • Os pais e nais tamén deben ter un tempo destinado ao seu propio ocio.