A influencia da familia é determinante, tanto no referente á construcción da identidade como no desenvolvemento das pautas de relación. Se queremos protexer aos máis pequenos daqueles factores de risco que promoven o comportamento problemático debemos ter en conta que tanto pais como nais, ademais de coidar e protexer aos fillos, actuamos como modelos de comportamento. Deste xeito, podemos afirmar que o ambiente familiar no que medra unha persoa resulta decisivo para configurar a súa personalidade, actitudes, autoconcepto e a súa forma de interrelacionarse có medio social e cultural no que están inmersos. Partindo dunha boa relación as familias crean un clima propicio para:
- A comprensión.
- A satisfacción percibida pola mocidade.
- O desenvolvemento e fortalecemento da autoestima.
- O autocontrol preciso para desenvolverse con independencia fóra do núcleo familiar.
En definitiva, a familia concíbese como a institución preventiva por excelencia, constituíndo un poderoso factor de influenzas sobre os menores, polo que deben posuír estratexias e orientacións ao respecto.
PAUTAS DE COMPORTAMENTO PARA A PREVENCIÓN FAMILIAR
(ADEIT, Máster en Prevención y Tratamiento de las conductas adictivas)
A FAVORECER... | A EVITAR... |
Fomentar espazos e ambientes relaxados onde favorecer o clima familiar | Ignorar as súas opinións e vivencias. |
Dialogar, escoitar e razoar cando non se compartan opinións. | Manter posturas excesivamente autoritarias, coaccionando a súa liberdade. |
Non confundir o respecto e a liberdade coa permisividade. | Educar a fillos “tiranos” mediante a sobreprotección e a ausencia de límites e normas claras, coherentes e estables respectadas por toda a familia. |
Supervisar e orientar o rendemento escolar e atender aos problemas que poidan xurdir no proceso. | Desatender o problemas académicos ou culpabilizar ao centro educativo dos fracasos. |
Axudar, fomentar e facilitar a formación e consolidación de redes relacionais. | Fomentar unha dependencia excesiva do pai e da nai. |
Orientar e prestar información veraz e adecuada á idade. | Ocultar información de cousas que lles poidan afectar. |
Reciclarse e formarse como pais para exercer da mellor maneira o papel de educadores. | Deixar a educación dos fillos ás escolas e demais institucións. |
Reducir o consumo de drogas institucionalizadas (alcohol e tabaco) | Adoptar modelos contrapreventivos ou contradictorios entre o que se esixe aos fillos e o que os pais fan ao respecto. |
Propoñer e fomentar actividades de ocio, deportivas e culturais para facer xuntos. | Ser inaccesibles carecendo de tempo para atender ao coidado familiar e manifestarse excesivamente permisivos. |
Facilitar o contacto dos fillos con asociacións, O.N.G.s, grupos... | Crear unha dependencia excesiva dos pais cara os fillos. |
Fomentar a formación en habilidades e estratexias que favorezan a reflexión, a toma de decisións, a resolución de conflictos. | Pensar que a experiencia, os erros e a vida educarannos para poder resolver as dificultades, os obstáculos e as problemáticas que lles vaian xurdindo. |