Skip to Content

NIVEIS PREVENTIVOS

Prevención

Na prevención de drogodependencias distínguense varios niveis de actuación en función do tipo de relación que o suxeito mantén coas drogas ou con diferentes circunstancias promotoras do seu consumo.

 

A clasificación de Caplan (1.980) foi a primeira que estableceu a diferenciación entre os niveis preventivos con plena aceptación; polo que podemos afirmar que, dun xeito clásico, se tomou como referencia os niveis: primario, secundario e terciario, incluíndo máis tarde o cuaternario dende a perspectiva da Psicoloxía da Saúde, Santacreu, Zaccagnini e Márquez (1.992).

 

Actualmente existe outra clasificación de niveis preventivos máis apoiada, é a proposición de Gordon (1.987) aceptada rapidamente polo NIDA e os profesionais das adiccións. Esta clasificación por niveis é:

 

PREVENCIÓN UNIVERSAL

Refírese a accións de carácter aberto dirixidas á poboación xeral, considerando a poboación no seu conxunto e procurando o deseño de intervencións que atendan a factores de risco e factores de protección comúns. O seu obxectivo é pospoñer ou previr o inicio do consumo de drogas partindo da mellora ambiental, a potenciación da información e o coñecemento e o incremento de habilidades persoais dos usuarios das accións.

 

PREVENCIÓN SELECTIVA

Os programas de prevención selectiva diríxense a grupos poboacionais máis específicos que concentran factores de risco promotores de conductas asociais tendentes ao consumo de drogas. Este tipo de intervencións posúen un deseño máis individualizado que pretende adecuar o enfoque do programa á reducción de riscos particulares de cada suxeito. Ten por tanto o obxectivo fundamental de evitar e/ou retrasar o máximo posible este consumo partindo do fortalecemento dos factores de protección en detrimento dos factores de risco.

 

PREVENCIÓN INDICADA

Os programas de prevención indicada diríxense a persoas que xa se iniciaron no consumo de drogas e presentan conductas problemáticas asociadas ao citado consumo. Para o desenvolvemento deste tipo de programas requírese a previa selección específica dos participantes, pois teñen o obxectivo fundamental de eliminar ou reducir o consumo de drogas, a frecuencia e cantidade do seu consumo así como traballar sobre as problemáticas específicas consecuencia do consumo.