O 26 de xuño, Día Internacional contra o tráfico e uso indebido de drogas, é o día elixido polos Alcaldes José Ulla Rocha (Concello de Begonte), Xosé Mª Teixido Núñez (Concello de Guitiriz), José Pardo Lombao (Concello de Outeiro de Rei), Francisco Xosé Fernández Montes (Concello de Rábade) e Tomás Rodríguez Arias (Concello de Xermade) para a firma oficial dun Convenio de colaboración que permitirá continuar e consolidar a prestación do Servizo de Prevención de Condutas Aditivas fundado por Begonte, Outeiro de Rei e Rábade en 2008. Estos tres concellos fundadores do Servizo decidiron sumar esforzos e convidar a participar na agrupación a concellos limítrofes como Guitiriz e Xermade ao fin de evitala extinción do Servizo.
A firma para o mantemento do Servizo de Prevención de Condutas Aditivas, supón a asunción dun compromiso sociosanitario de carácter público prioritario nas axendas internacionais. Esta problemática tórnase se cadra máis complexa se temos en conta a permisividade e normalización social existente de cara ao consumo de alcohol e tabaco como drogas legais de inicio. Esta “normalidade” da forma a unha lexitimación social dos consumos que inciden directamente na promoción de valores e condutas asociais vinculadas a unha realidade nada desexable: as idades de inicio no consumo de drogas son cada vez máis temperás, a percepción de risco fronte o seu consumo é cada vez menor e a de dispoñibilidade de drogas legais (tabaco e alcohol en menores) e ilegais aumenta.
Coa prevención de condutas de risco como prioridade, o Servizo de Prevención busca establecer a través dunha práctica interdisciplinar un traballo integral que abarque tódalas esferas da realidade local dos 5 concellos orientado a promover factores de protección e a diminuír a presenza de factores de risco vinculados á aparición de condutas asociais . Tanto os niveis de prevención como os ámbitos nos que o Servizo de Prevención desenvolve a súa labor tentan abarcar a realidade local e cidadá destinataria da acción socioeducativa nos ámbitos educativo, familiar, laboral, xuvenil e comunitario.